III. Outras disposicións
Consellería de Economía, Emprego e Industria
Artigo 3. Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:
1. Comerciantes retallistas:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o seu domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña deberán ter o domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de dez (10) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable. Para as actuacións de expansión comercial previstas no artigo 4.1.3, que empreguen menos de cincuenta (50) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.
c) Que estean dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III e que esta constitúa a actividade principal da persoa solicitante. No caso de que a actividade principal sexa unha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, deberá estar dado de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II.
No caso de actuacións de posta en marcha de expansión comercial previstas no artigo 4.3, deberán exercer a actividade comercial de forma ininterrompida nos últimos dous anos, contados a partir da data de fin do prazo de presentación de solicitudes.
d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.
2. Obradoiros artesáns:
Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso de novos obradoiros, terán de prazo ata o último día de prazo para a presentación de solicitudes para solicitar a inscrición no dito rexistro.
Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (CE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.6.2014, L 187/1), nin aquelas persoas que, tendo sido beneficiarias do procedemento IN201H e IN228A, renunciasen a el ou perdesen o dereito ao cobramento total da subvención no ano 2018.
Así mesmo, non poderán ser beneficiarias ás persoas as que lle fose concedida unha subvención para as actuacións previstas no artigo 4.2 nos últimos 2 anos (2017-2018) para o mesmo local comercial.
Artigo 4. Actuacións subvencionables
1. Dixitalización comercial:
Para comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesáns.
a) A implantación e actualización de páxinas web comerciais coas seguintes características técnicas:
– Ter o protocolo de transferencia de datos https.
– Estar optimizada para SEO.
– Ter acceso á internet a través dun hosting con acceso do propietario da web ao código e claves da web.
– Estar adaptada a todos os dispositivos móbiles.
– Dispor de fotos de calidade profesional cun peso máximo de 400K e resolución de 72 dpp.
– Dispor de páxina de política de privacidade de acordo coa lexislación vixente, ligazóns ás redes sociais da empresa.
– Ter instalado e configurado Google Analytics.
No caso de web con acceso á tenda en liña, ademais dos previstos anteriormente para a páxina web, deberá:
– Estar sincronizada co sistema de xestión do establecemento comercial.
– Ter dispoñible para a venda en liña un mínimo do 30 % das referencias de que se dispoñen na tenda física.
– Ter pasarela de pagamento.
b) Introdución de ferramentas de márketing 4.0: instrumentos de xeolocalización ou big data centrados na conectividade e na predición de patróns de consumo, publicidade en medios dixitais, ferramentas de realidade aumentada, e ofrecer experiencias reais e interactivas ao consumidor como produtos 3D ou probadores virtuais e chatbots ou instrumentos similares que guíen o cliente no proceso de compra.
c) Pulo á mellora da imaxe dixital: contidos audiovisuais de promoción do produto.
d) Servizos profesionais de xestión de redes sociais (community manager).
e) Implantación de ferramentas de xestión: sistemas integrados para a planificación de recursos empresariais comerciais e software adecuados ás necesidades da empresa.
A porcentaxe de subvención será o 80 %, agás no suposto das letras b), c) e d), que será do 70 %, dos seguintes investimentos máximos subvencionables:
– Para a implantación de páxinas web con venda en liña é de 4.000,00 € (IVE excluído).
– Para a implantación de páxina web é de 1.000,00 € (IVE excluído).
– Para a actualización de páxina web é de 800,00 € (IVE excluído).
Non será compatible a solicitude de actuacións de implantación de páxinas web coas de mellora.
– Para a introdución de ferramentas de márketing 4.0 é de 6.000,00 € (IVE excluído), cun límite para actuacións en publicidade en medios dixitais de 2.000,00 € (IVE excluído).
– Para a mellora de imaxe comercial dixital é de 6.000 € (IVE excluído).
– Para os servizos profesionais de xestión de redes sociais (community manager) é de 10.000,00 € (IVE excluído).
– Para a implantación de ferramentas de xestión é de 3.000,00 € (IVE excluído).
O investimento máximo subvencionable para o conxunto das actuacións de dixitalización é de 29.000 euros (IVE excluído).
ANEXO II
Epígrafes do IAE subvencionables.
641. Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.
642. Comercio polo miúdo de carnes e miúdos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza; e de produtos derivados deles.
643. Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.
644. Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.
645. Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas clases.
647. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e bebidas en xeral (agás 647.4 e 647.5).
651. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.
652. Comercio polo miúdo de medicamentos, artigos de drogaría e limpeza, perfumaría e cosméticos (agás 652.1).
653. Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción (agás 653.4).
656. Comercio polo miúdo de bens usados tales como mobles, artigos e enxoval ordinarios de uso doméstico.
657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.
659. Outro comercio polo miúdo.
665. Actividades empresariais de comercio realizadas fóra do establecemento permanente: «comercio retallista por correo ou catálogo». No caso de comercio en liña, non será subvencionable a comercialización en liña de produtos ou servizos non comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.
ANEXO III
Epígrafes do IAE subvencionables.
41- Industria de produción de produtos alimenticios.
421- Industria de cacao, chocolate e produtos de confeitaría.
43- Industria téxtil.
44- Industria do coiro.
45- Industria do calzado e vestido e outras confeccións téxtiles.